“ Escúchame Amparo! Yo le pido a Dios y a los elementos mágicos del
cosmos que te den mucha fortuna y salud para ti y para los tuyos. Así lo pido y
que así se cumpla! Bendiciones, buenas noches”
Hai que foderse! “Los elementos mágicos del cosmos” Habías
de estar ti fronte a ese decorado místico-circense
se tiveses algún tipo de poder máxico. Francamente, hai xente que está nas
últimas. Que alguén se poda deixar uns cartos que lle faran boa falta, en
chamar a un tipo que se ve claramente que esta cun pé no manícomio e outro en
Ganímedes ou que é un langrán sen escrúpulos, non significa so que estea abatido.
Significa que está desesperado e que escasea dun entendemento normal, polo
tanto non é absurdo pensar que pode ser o principal culpable do seu propio
desespero. É triste pero é así. Non teño moi claro se compadecerme da
ignorancia dos demais porque esa ignorancia, esa “boa fe”, é unha das causas do
estado desta civilización. Non sei en que momento nos instalamos
maioritariamente nesta incapacidade para pensar máis aló de encher o bandullo e
posuir cousas, promovida e fomentada en maior ou menor medida polos distintos
gobernos que nos mesmos eleximos. E isto
o di un tipo que agora mesmo está as tres da madrugada tirado no sofá da súa
casa, atiborrándose conscientemente de glutamato monosódico e bebidas
gasificantes, ollando como un tarado despluma a outros tarados formando parte
deste xeito do mesmo lamentable esperpento, sendo colaborador e participante do
ridículo ao que chegamos nestes últimos lustros.
Mais non vos levedes a engano,
xente do mundo, tede confianza. Eu non vou a deixar que unhas cartas de tarot
tiradas por un friki decidan por min.
Este que vos fala a traves da escritura xa ten decidido o seu propio destino,
ou cando menos, o futuro dos seus actos. Pero, sen adiantar acontecementos, creo que antes de nada o máis axeitado é que vos
expoña brevemente algo sobre min.
Nacín hai pouco menos de corenta
anos rodeado de cadáveres, concretamente sobre uns cartóns no chan da carnicería
dos meus pais. Mamá púxose de parto súbito unha noite de lúa chea e apenas lle
din tempo a baixar ata o piso inferior da nosa casa, que é onde temos o
comercio. Así que foron as mans dun carniceiro as que me trouxeron ó mundo e
non as dun doctor; “para o caso venche
sendo o mesmo” dicia sempre meu pai.
Medrei na miña vila sendo un neno
razoablemente ledo. Os meus pais eran xente normal, xente boa e sinxela que me
criaron o mellor que puderon, sen traumas raros, nen proteccionismos, nen
gaitas destas de agora. Hoxe en día, os cativos non levan cascos na cabeza para
poder lucir os seus peiteados de deseño.
Non me engano moito se digo que
tiven unha mocidade plena, na que experimentei o que tiña que experimentar sen
incidencias. Non tiven problemas cos estudos, cheguei á universidade e rematei
a carreira de historia da arte con solvencia. Era todo o feliz que podía. Pouco
despois de rematar a carreira, coma se estivese agardando a deixarme arranxado,
a papá parouselle o corazón. Daquela sentín por primeira vez unha clase de dor
distinta a todas as que experimentara ate o momento. Sen dubidalo un intre, aparquei
os proxectos que tiña en mente e volvín á vila a axudar a mamá na carnicería. E
así, sen pretendelo, sorprendeume sentirme satisfeito entre solombos e criollos,
na vila onde me criei e coa xente que, para ben ou para mal, coñezo ben. Creo
que a ledicia non ten grandes pretensións, confórmase con pouco. O problema
presentasé cando acadas un nivel que sintes satisfactorio. Todo o que sexa
reducilo tradúcese en frustración. Se o reduces moito, a frustración e moita.
Tal coma a que eu sinto nestes momentos. Pero permitídeme que prosiga un chisco
máis co meu relato.
Aínda que esta puta e famosa crise
estaba xa totalmente instalada na vila, na carniceria iamos aguantando o tirón
como podiamos. Como é natural, deixamos de vender moita ternera e pasamos a
vender máis polo, salchichas e casquería, pero dábanos para resistir. Por outra
banda, saber que tiñamos o fondo de emerxencias, que o meu papá fora gardando a
os poucos durante anos, aportaba unha tranquilidade importante.
Esa tranquilidade esvaeceuse no
aire cando un mal día á cámara frigorífica da tenda doulle por agonizar.
Chamamos de contado a o técnico, e namentres eu quedaba atendendo, mamá
achegouse á sucursal a sacar cartos. Xogaríame un puñado de cochinos euros,
agora que aínda teñen algo de valor, a que
sabes o que aconteceu ¿non si? Efectivamente, querido lector, atopámonos
ca desagradable sorpresa de que estafaran ao meu pai. Sesenta e cinco mil
setecentos euros desapareceran por arte de birlibirloque na chisteira das
finanzas modernas. Naturalmente, a mamá doulle unha crise nerviosa en plena
sucursal. O director do banco únicamente nos dixo que as cousas sairon así, que
as inversións de risco é o que teñen. Non vou lle vou a dar a oportunidade ós
defensores deste perverso sistema de especuladores de argumentar sobre se papá
sabía ou non onde se metia, eu sei a verdade. Sei que o meu pai era un home bo
que confiaba na xente da súa vila. Sei que o meu pai non era avaricioso nen
egoista, Sei que ao meu pai o embaucaron coma ao home sen estudos que era.
Sei tamén outra cousa, isto non
vai a quedar así.